Xa de volta na súa diocese solicitou do papa León I axuda para loitar contra do priscilianismo que aínda tiña moita forza en toda a Gallaecia. No 460 o rei suevo Frumario tívoo prisioneiro durante tres meses.
Obra
Hidacio escribiu cara a fin da súa vida unha crónica ao estilo de Xerome e Eusebio de Cesárea, seguindo un modelo xa moi popular nesa época, coa pretensión de colocar a historia da humanidade no contexto da progresión lineal dende a creación bíblica á segunda chegada de Cristo. Hidacio describe os acontecementos ocorridos entre o 379 e o 468, e aínda que pretende ser unha crónica universal, o certo é que acabará centrándose nos acontecementos ocorridos na Gallaecia e dá unha visión escura do século V por mor do priscilianismo e a implantación dos bárbaros (suevos, visigodos) na península. Hidacio, probablemente, foi o primeiro en empregar unha nova forma de datación cronolóxica, a Era Hispánica (que comeza no -38, data na que Augusto dá oficialmente como conquistada a Península Ibérica)
Hidacio é a primeira fonte escrita que se conserva sobre os suevos en Gallaecia e moitas das súas apreciacións negativas referidas a eles (califícaos de "nación inicua e enfurecida") acabarán por pasar á historiografía tradicional, como o seu carácter violento e destructivo caracterizado pola depredación. A historiografía actual (Casimiro Torres, Reinhart) tende a acoutar esta imaxe poñéndoo en relación co papel que xogou como representante dos grandes propietarios galegos e en aberta contradicción coa imaxe, positiva, que transmite Orosio e coa arqueoloxía, que non corrobora alteración ningunha causada polos suevos, a numismática que testemuña a continuidade latina e a organización social que non mudou.





